Abre o prazo para que os clubs de Lugo soliciten a utilización das instalacións deportivas municipais

LugoXa
O Concello dispón de varios campos de fútbol, canchas de baloncesto, pistas de atletismo ou piscinas municipais
atletismo-lugo
Foto de arquivo
4 Xuño 2024

A Concellería de Xuventude e Deportes abriu o prazo para que as distintas entidades deportivas e clubs lucenses presenten as solicitudes de utilización das máis de trinta instalacións deportivas municipais, de cara á tempada 2024-2025. Deberán entregar as súas peticións no Rexistro Xeral, vía telemática, antes do vindeiro 18 de xuño, cubrindo o modelo 801, que se pode descargar no web do Concello de Lugo, no enlace: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2019/11/801cast_solic_de_instalacion_deportiva.pdf

O edil de Deportes, Jorge Bustos, destaca o “importante esforzo do Executivo de Paula Alvarellos para que ata de agora uns 100 clubs empreguen as nosas instalacións municipais. Isto demostra o apoio decidido e total do Concello de Lugo ao deporte lucense, ás canteiras das distintas disciplinas, e tamén ao labor social que realizan as entidades deportivas”.

O Concello dispón de varios campos de fútbol, canchas de baloncesto, pistas de atletismo ou piscinas municipais, pero tamén de instalacións que permiten a práctica de disciplinas máis minoritarias como sala de esgrima, de tiro olímpico, rocódromo, béisbol ou tiro con arco, entre as máis de trinta instalacións que actualmente son empregadas polos clubs para adestramentos durante a semana e para competicións e torneos, os fins de semana.

Pese ao número de instalacións municipais, Jorge Bustos, para cubrir a alta demanda precisamos de máis espazos para a práctica deportiva, polo que “estamos estudando vías de colaboración con outras entidades, para que clubs da cidade podan usar as súas pistas polideportivas e campos de fútbol algúns días, principalmente para adestramentos”. Neste sentido o edil de Deportes explica que “estamos a traballar para mellorar a dinámica dos clubs, conscientes de que levan a cabo un importantísimo labor, que máis aló de promocionar o deporte, tamén contribúe a inculcar bos hábitos de saúde, promover as canteiras, a práctica de moitas disciplinas e a súa implicación en iniciativas de marcado carácter social”.

O edil de Deportes explicou que “desde o Executivo de Paula Alvarellos seguiremos adiante co desenvolvemento do Plan Dinámico de Intervención para conservar e modernizar as instalacións deportivas municipais para que o tecido asociativo poda utilizalas gratuitamente e en perfectas condicións, uns traballos que se inclúen no orzamento total da área de Deportes, que ascende a máis de 2 millóns de euros para este ano”.

 

 

0.16262197494507