Abre o prazo para solicitar as axudas para compensar o sacrificio de animais

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publicou onte a correspondente orde da Consellería do Medio Rural e o prazo de presentación de solicitudes será deica o 30 de novembro.
morro cerdo sacrificio animal
18 Jan 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural que regula neste 2022 a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando, pola morte de animais ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades. Así, o orzamento destinado a financiar este procedemento recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia ascende aos 400.000 euros neste ano.

Deste xeito, poderán ser beneficiarias das achegas as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén os que teñan animais e produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

No caso do sector avícola, poderán ser indemnizados os titulares de aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e de reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela. Tamén os que teñan aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

No que se refire ao sector porcino, poderán recibir axuda os titulares de porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente. Así mesmo, corresponde indemnización por visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

A maiores, a presente orde recolle dereito a compensación por animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, comeza hoxe e prorrogarase ata o día 30 de novembro de 2022.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220117/AnuncioG0426-271221-0001_gl.html

0.16469883918762