Abre o prazo para solicitar axudas da Deputación ás asociacións do rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Aberto o prazo para solicitar axudas da Deputación ás asociacións para a dotación e mellora de servizos no rural
caminos rural
29 sep 2022

Entidades asociativas, como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais, poden pedir ata o 28 de outubro subvencións de entre 1.000 e 6.000€ para actuacións en vías, accesos, locais, redes de abastecemento de auga ou fontes e espazos públicos comunais.

A Deputación de Lugo abriu este mércores o prazo para solicitar as subvencións do Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha liña de axudas da institución provincial destinada ás asociacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural que conta cunha dotación económica de 300.000€. Son de concorrencia competitiva e poderán optar durante un mes -ata o vindeiro 28 de outubro- as entidades asociativas da provincia, segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, 27 de setembro, cando se publicaron as bases do programa.

Poden pedir estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, asociacións de mulleres rurais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos.

Actuacións subvencionables

Entre as actuacións subvencionables atópase a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna. As obras deben realizarse entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de xuño de 2023.

Este programa, de ampla repercusión social, enmárcase no traballo da Deputación para dotar de máis e mellores servizos ós veciños do rural e así contribuír a fixar poboación.

0.21021294593811