Abre o prazo para solicitar os premios de deportistas individuais

Desde hoxe luns, 24 de marzo, está aberto o prazo de solicitude das bolsas para deportistas de modalidades individuais convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A área de Deportes incrementou nun 50 por cento o investimento nesta liña de apoio ao deporte, que pasa dos 100.000 euros aos 150.000, e que distribuirá un total de 338 premios (108 máis que na última anualidade) entre deportistas con residencia na provincia, que teñen acadado, como mínimo, un podio nun campionato provincial ao longo de 2024.
O incremento da dotación orzamentaria amplía a cobertura destas achegas que teñen como obxectivo fomentar a participación de deportistas de modalidades individuais en competicións, contribuíndo a financiar os gastos asociados a esa actividade. As bolsas oscilan entre os 300 e os 2500 euros, en función dos resultados deportivos acreditados.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro sinalou que “este ano damos un novo impulso a esta liña de apoio ao deporte, cun incremento de 50.000 euros, que permitirá seguir ampliando a súa cobertura. Nos últimos anos, incrementáronse de forma moi notable a demanda destas bolsas e tamén o nivel competitivo con deportistas lucenses, con excelentes resultados nas súas participacións en probas tanto de nivel galego como estatal”.
O responsábel provincial explicou que “a convocatoria trata de responder sobre todo ás necesidades de deportistas en etapas de iniciación, e polo tanto de colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou o material deportivo”.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de abril. As bases e modelos de solicitude están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado de Deportes