Abre o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas

LugoXa | AMariñaXa
Para acceder a súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos
Escola Oficial de Idiomas
Escola Oficial de Idiomas de Lugo
2 Xuño 2024

A Xunta de Galicia abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas para o vindeiro curso 2024-25. Actualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta con 11 escolas oficiais de idiomas con un total de 28.500 alumnos matriculados. Todos eles teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

Para acceder a súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira.

No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos nas EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9.00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo. No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria ordinaria. A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na ordinaria) irá do 28 de xuño ao 5 de xullo.

Tanto para alumnos de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña. Non obstante, unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 20 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións que alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.

 

0.19289398193359