Abre o prazo para solicitar praza nos comedores escolares dos centros de Lugo

LugoXa
As inscricións para usuarios fixos no servizo poderán realizarse ata o 31 de agosto
Imaxe recurso dun comedor escolar
23 Ago 2024

Abre o prazo para solicitar praza nos comedores escolares dos centros de ensino públicos de Lugo. Este servizo prestarase en todos os centros desde o primeiro día de curso. As inscricións para usuarios fixos no servizo poderán realizarse ata o 31 de agosto, mentres que as prazas para usuarios esporádicos poderán realizarse ata as 20.00 do día lectivo anterior. Os prezos son de 3.96 euros ao día usuarios fixos do servizo de comedor (que poderán solicitar días soltos da semana ou os 5 días), mentres que para os esporádicos é de 5,06 euros.

O servizo de madrugadoras e madrugadores conta cun prezo único de 1,98 euros ao día e permite a entrada nos centros en diferentes quendas a partir das 7.30 da mañá. As familias poden obter máis información sobre os comedores escolares a través da páxina web do Concello de Lugo ou nas oficinas da concellería de Educación. Unha vez pechado o prazo de solicitude de praza, e no caso de que as solicitudes de inscripción sexan maiores que a capacidade total do comedor, tódalas solicitudes recibidas serán baremadas para a admisión no servizo, tendo preferencia de entrada, a solicitude de usuario fixo 5 días semanas, se ambos proxenitores traballan en horario de comedor, caso de familia monoparental, ter irmáns e, finalmente como último criterio, farase por sorteo.

Todas as solicitudes entregadas que non obtiveran praza, quedarán en lista de agarda ata que se produza unha vacante no servizo e irán entrando en orde seguindo os criterios anteriores. Queda aberta a inscripción, durante o resto do curso, baremando cada mes, sempre que haxa prazas vacantes, e despois de que entrasen tódolos usuarios que realizaron a inscripción no primeiro prazo.

A concelleira Maite Ferreiro lembrou que "desde a nosa chegada ao goberno conseguimos que todos os centros públicos de Lugo conten con servizo de madrugadoras e madrugadores, un servizo necesario para moitas familias debido ás súas xornadas laborais". Desde a concellería de Educación reclamaron “en múltiples ocasións á Xunta que asuma as súas competencias en materia educativa, animamos unha vez máis á Xunta a facerse cargo das súas responsabilidades". Segundo Ferreiro, "resulta lamentable que o Concello teña que asumir este servizo pola única razón de que a Xunta se nega a facer o seu traballo”.

0.10397887229919