Abre o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal de Lugo
Xa está aberto o prazo para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal. Ambas feiras de artesanía son organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo do ano para facilitar a comercialización de produtos artesáns e dar visibilidade ao sector.
As convocatorias están abertas a artesás e artesáns da provincia cuxa produción sexa exclusivamente de creación e produción propia, e cuxo material responda ao proceso de transformación e elaboración dunha determinada materia prima. Así mesmo deben ter o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxos produtos sexan exclusivamente de creación e produción propia.
“Este ano adiantamos esta solicitude para facilitar a organización destas feiras, nas que artesáns e artesás da provincia poden amosar e vender os seus produtos no centro da cidade de Lugo, en datas sinaladas e con moita presenza de xente na rúa, como o San Froilán e o Nadal”, explica o vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro.
Ademais, destacou que a instalación será de balde “como mostra do apoio a un sector que, ademais de xerar emprego e actividade, se desenvolve, en xeral, baixo criterios de sostibilidade, apelando a un consumo responsable e actualizando e dando valor a oficios e técnicas tradicionais, que forman parte do noso patrimonio cultural”. No Artesanfroilán, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos con horario de apertura de mañá e tarde. No Mercado de Nadal, previsto do 20 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, ampliando dúas xornadas a instalación, contará con 14 casetas.
A iniciativa do Nadal aumenta o seu horario e abrirá, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, e só en horario de mañá o 24 e 31 de decembro. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto, en ambos casos, ata o 13 de maio.