Abre o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal

Este martes -3 de xuño- abre o prazo para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para apoiar a comercialización de produtos artesáns e dar visibilidade ao sector.
As convocatorias, cuxas bases se publicaron hoxe no Boletín Oficial da Provincia, están abertas a artesás e artesáns da provincia uxa produción sexa exclusivamente de creación e produción propia, e cuxo material responda ao proceso de transformación e elaboración dunha determinada materia prima. Así mesmo deben ter o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxos produtos sexan exclusivamente de creación e produción propia.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro lembrou que “a instalación será de balde un ano máis de balde para artesás e artesáns, unha medida que mantemos como mostra do apoio a un sector que, ademais de xerar emprego e actividade, se desenvolve, en xeral, baixo criterios de sostibilidade, apelando a un consumo responsable e actualizando e dando valor a oficios e técnicas tradicionais, que forman parte do noso patrimonio cultural”.
No Artesanfroilán, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos. No Mercado de Nadal, previsto do 19 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos contará con 14 casetas. O horario de apertura dos posos será, nos dous casos de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o martes -3 de xuño- ata o 16 de xuño, incluídos.