Abre o xoves o Museo Provincial de Lugo a mostra 'Sempre en Galiza (1944-2024)'

LugoXa
É unha homenaxe á obra e ao pensamento de Castelao, "cuxo legado continúa a ser unha inspiración para as xeracións actuais"
Castelao-Convite-expo-16-xaneiro
14 Jan 2025

O próximo xoves 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá a inauguración da exposición Sempre en Galiza (1944-2024), organizada para conmemorar o 75 cabodano de Castelao (1950-2025), unha das figuras máis relevantes da cultura galega.

A exposición será presentada por Iria Castro Fernández, deputada delegada de Cultura da Deputación de Lugo; Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo; e Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega e director da Cátedra Castelao da USC, quen exerce como comisario da mostra.

Sempre en Galiza é unha homenaxe á obra e ao pensamento de Castelao, cuxo legado continúa a ser unha inspiración para as xeracións actuais. A mostra reúne unha selección única de documentos, obras artísticas e materiais relacionados coa súa traxectoria como escritor, artista e político, destacando a súa defensa da lingua e da identidade galega.

A exposición é organizada pola Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial de Lugo, a Fundación Castelao e a Cátedra Castelao da USC, no marco do programa conmemorativo do Ano Castelao 2025.

0.16971802711487