Abre un local na Tinería para a venda de vestimenta do Arde Lucus confeccionada por colectivos vulnerables

O Concello de Lugo e FADAS abren un local na Tinería para a venda de vestimenta do Arde Lucus confeccionada por colectivos vulnerables no marco da iniciativa de inclusión socio-laboral 'Tecer para Medrar', impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O rexedor, Miguel Fernández, visitou ás integrantes do obradoiro de costura para coñecer de primeira man o proceso de elaboración das pezas e probar os traxes de castrexo e romano. “Os traxes que se poden atopar neste espazo son froito do esforzo, da aprendizaxe e da ilusión de persoas que atoparon neste proxecto unha nova oportunidade”, apuntou.
Fernández subliñou “a importancia de apoiar proxectos que xeran oportunidades reais para persoas en situación de vulnerabilidade, ao tempo que poñen en valor o noso patrimonio e tradicións”.
Ademais, animou á cidadanía a achegarse ao novo local da Tinería para coñecer e adquirir as pezas únicas realizadas polas participantes do taller. “Os traxes que se poden atopar neste espazo son o froito do esforzo, da aprendizaxe e da ilusión dun grupo de persoas que atoparon neste proxecto unha nova oportunidade. Visitalo é tamén unha forma de apoiar a inclusión e o talento local”, concluíu.
O espazo permanecerá aberto ao público durante as vindeiras semanas, permitindo que lucenses e visitantes poidan preparar o seu vestiario para vivir con intensidade a festa de recreación histórica máis emblemática da cidade.