Abre un novo prazo de matrícula na escola infantil de Castro de Rei pola súa ampliación
Unha vez resolto o proceso de licitación para adxudicar a xestión da escola infantil municipal Manuel López Besteiro tralo quinto intento, o Concello de Castro de Rei vén de abrir un novo prazo extraordinario de matrícula para unha nova unidade de 0 a 2 anos.
Tal e como anunciara o alcalde, a intención, cando se fixera a adxudicación era aumentar o número de prazas para o próximo curso polo que agora se abre unha nova unidade de 0 a 2 anos para a que se inicia este novo proceso de matriculación.
No centro dase atención integral a nenos e nenas de 3 meses a 3 anos que compoñen a Escola Infantil Municipal, tanto nos seus aspectos educativos, coma de coidado, hixiene e alimentación dentro do horario da escola. Son actualmente 40 pequenos e pequenas os que hai que atender na escola infantil.
O Concello de Castro de Rei mantén aberto o prazo de matrícula ata o día 10 de marzo. Os interesados en anotarse deberán presentar o DNI dos proxenitores, o libro de familia e de vacinas, a tarxeta sanitaria do menor, un informe do pediatra e a declaración da renda e un número de conta, ademais do formulario dispoñible na páxina web www.castroderei.gal.