Abren ao público as escaleiras da Rúa Santiago tras a súa rexeneración artística

O Concello de Lugo abriu ao público o paso polas escaleiras da Rúa Santiago, que enlazan con Cidade de Viveiro, tras a súa rexeneración a través dunha intervención artística do programa municipal Urban Cores.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que “estes murais son un exemplo de como a arte urbana contribúe a humanizar espazos e a fortalecer o orgullo veciñal, convertendo áreas degradadas en lugares de encontro e de interese para toda a cidade”.
Na visita, na que tamén participou Marta Fernández, presidenta da Asociación de Veciños Parque Rosalía-Recatelo, os residentes tiveron a oportunidade de comprobar de primeira man a transformación deste paso fronte ao colexio das Pepas, agora cheo de cor e vida grazas ás creacións dos artistas Diego As, Muro Mola e Van Kraft.