Abren os novos vestiarios no Anexo para os clubs que empregan o recinto

LugoXa
A nova infraestrutura consta de dúas zonas de aseos e vestiarios, unha para mulleres e outra para homes, as cales son de acceso independente e están no corredor entre o Pazo e o Anexo
vestiarios-no-Anexo-ao-Pazo-dos-Deportes
29 Jan 2025

Os novos vestiarios do Anexo ao Pazo dos Deportes estarán dispoñibles para o uso desde esta fin de semana, logo da súa recente inauguración.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, informou sobre a apertura desta nova instalación aos clubs que habitualmente empregan o recinto, así como á Federación Galega de Baloncesto, que se achegaron a coñecer as novas dotacións.

A nova infraestrutura consta de dúas zonas de aseos e vestiarios, unha para mulleres e outra para homes, as cales son de acceso independente e están situadas no corredor entre o Pazo e o Anexo.

Cada vestiario conta con 9 duchas (algunhas individuais e outras en cabina), así como bancos e taquillas para o uso dos deportistas. En total, os vestiarios ocupan 121 metros cadrados de superficie útil, sendo esta unha solución construida na planta baixa do Pazo, respectando a normativa urbanística.

Efrén Castro destacou que esta obra responde á demanda dos clubs de baloncesto base da cidade, que xogan e adestran no Anexo. A partir de agora, disporán dunha zona de aseos e vestiarios máis accesibles e próximos á cancha, o que mellorará a súa experiencia nas instalacións.

O vicepresidente tamén subliñou que esta actuación forma parte do compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa mellora e modernización das instalacións de titularidade provincial.

A construción dos novos vestiarios únese a outras melloras realizadas no último ano e medio, como a renovación do parqué da pista, cun material que conta coa máxima certificación da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) para pavimentos de madeira de competición, cun investimento de 320.000 euros.

Ademais, tamén se realizaron melloras na pintura das paredes interiores, na impermeabilización e na iluminación do recinto, que acolle regularmente a uns 60 equipos da cidade.

0.168781042099