ACARLU reforza o seu compromiso coa saúde cardiovascular e presenta ao Concello as súas liñas de acción

A Asociación Cardiolóxica Lucense (ACARLU) presentou ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, as principais liñas de acción que a entidade está a desenvolver para promover a saúde cardiovascular e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da prevención.
O presidente de ACARLU, Francisco Villanueva, e a vicepresidenta, Carmen Basadre, explicaron durante o encontro as iniciativas que levan a cabo para fomentar hábitos de vida saudables, ofrecer apoio ás persoas con enfermidades cardíacas e divulgar coñecementos básicos de primeiros auxilios a través de cursos, charlas e campañas de concienciación.
A asociación, integrada por persoas que superaron patoloxías cardíacas, traballa tamén para visibilizar a importancia da rehabilitación e do coidado emocional tras un evento cardiovascular, poñendo o foco na recuperación integral e no acompañamento ás familias.
Pola súa parte, o alcalde de Lugo destacou o papel de ACARLU como exemplo de compromiso social e colaboración activa co municipio. Fernández lembrou que Lugo é actualmente a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, con 67 desfibriladores públicos instalados dentro do programa Lugo con Corazón, e agradeceu “a entrega e o exemplo dunha entidade que representa o espírito de superación e solidariedade que queremos seguir impulsando”.