Achádego Teatro continúa coas visitas teatralizadas ao cemiterio municipal
Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, anunciou a volta das visitas teatralizadas ao Cemiterio Municipal a cargo de Achádego Teatro, "unha actividade que goza en cada edición dunha gran participación por parte das veciñas e veciños, que deciden realizar unha visita diferente ao Cemiterio Municipal", explicou Cristina López.
O vindeiro domingo, 17 de setembro, a partir das 17:30, Achádego Teatro dirixirá unha visita guiada ao cemiterio na que as e os asistentes se poderán atopar cos músicos que descansan nesta instalación, realizando unha viaxe pola historia lucense.
As entradas poderán obterse de xeito gratuíto na Oficina Municipal de Turismo, nas oficinas do cemiterio no edificio administrativo do Seminario ou chamando por teléfono ao cemiterio (982 297 303). Cada persoa poderá retirar un máximo de 4 entradas.