Acondicionan catro estradas municipais nas parroquias de Pías, Tirimol e Piúgos
Comezaron os traballos de acondicionamento de dúas estradas municipais na parroquia de Pías, que parten da intersección da estrada provincial LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e O Corral de Abaixo.
Estas tarefas consisten na reposición do firme con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño.
A maiores destas obras, tamén se mellorará unha estrada municipal en Tirimol, no núcleo de Seivane, que discorre xunto a Igrexa, e outra no núcleo de As Tabernas, en Piúgos.
Todas estas actuacións, que contan cun orzamento de 72.794,49 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións das actuacións realizadas con cargo ao Plan Único do ano 2020, realízanse para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que realizou a veciñanza destas parroquias.
Dende o Concello destacan que se trata de actuacións “moi necesarias, que beneficiarán principalmente aos veciños e veciñas que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”.