Acondicionan o circuíto municipal Jorge Prado para acoller o Gran Premio de España

LugoXa
Nunha visita, tanto Miguel Fernández como Jorge Bustos ofreceron a máxima colaboración para perfeccionar todo o que afecta a estas instalacións punteiras
Circuíto-municipal-Jorge-Prado-alcalde-de-Lugo
23 Apr 2025

O circuíto municipal Jorge Prado está sendo acondicionado para acoller o Gran Premio de España do Campionato do Mundo de Motocrós os vindeiros 10 e 11 de maio.

Xunto aos representantes do club Motopark Lugo, entidade que se ocupa da xestión e conservación desta infraestrutura municipal, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, percorreron o circuíto para determinar as inversións a realizar e as tarefas de mantemento necesarias para o desenvolvemento da proba de nivel internacional.

Na visita e percorrido ás distintas pistas que conforman a infraestrutura de Teixeiro, o rexedor municipal interesouse polas melloras levadas a cabo desde o Concello, que incluíron labores de desbroce, ás que se sumaron os traballos de mantemento realizados polo club concesionario.

Precisamente, desde o Motopark Lugo explicaron que o feito de acoller outra proba do calendario mundial non implica máis tranquilidade; senón máis reponsabilidade para mellorar tanto a infraestrutura a nivel deportivo, como os servizos que se prestan aos pilotos e ás escuderías como aos milleiros de asistentes e afeccionados que se agarda acudan á proba.

Por iso, tanto Miguel Fernández como Jorge Bustos ofreceron a máxima colaboración para perfeccionar todo o que afecta a estas instalacións punteiras, con especial fincapé na mellora da seguridade na pista e dos servizos xerais.

Ademais de con inversións económicas, desde o Goberno Local prestarase apoio para a celebración da proba, mediante efectivos da Policía Local e de Protección Civil.

O alcalde de Lugo lembrou “a aposta decidida que o Concello de Lugo fixo pola creación deste circuíto, que este ano coa disputa por segundo ano consecutivo dunha proba puntuable para o Mundial de Motocrós, está a demostrar que Lugo ten un gran potencial, que pode ser escenario de grandes eventos deportivos, e que este circuíto é único en Galicia e unha das mellores instalacións do panorama nacional”.

Ademais, tanto o rexedor municipal como o edil de Deportes, Jorge Bustos, insistiron no importante motor económico, social e turístico que probas desta magnitude supoñen a nivel internacional”.

O Gran Premio de España será neste 2025 a oitava proba puntuable para o Campionato do Mundo de Motocrós, que se disputará nas categorías MXGP, MX2, o Europeo de 250cc e o Mundial feminino, o que significa que Lugo será ademais o epicentro no que se dean cita as e os mellores pilotos do mundo.

⚙ Configurar cookies
0.16724991798401