Acondicionan un espazo en Castro de Rei para a nidificación do mazarico real

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou en Castro de Rei a zona habilitada no lugar de Rozas para favorecer a nidificación e cría do mazarico real, unha especie migratoria en perigo de extinción da que en Galicia hai cinco exemplares rexistrados desde 2023. A responsable autonómica salientou que os traballos de acondicionamento remataron recentemente e que o obxectivo foi crear un hábitat adecuado para promover o asentamento e reprodución desta especie, que adoita visitar territorio galego entre os meses de febreiro e xullo.
Os traballos desenvolvéronse nunha área de máis de 300 hectáreas, na que se realizaron rozas, se acondicionou a contorna e se adoptaron medidas como trampas para evitar o impacto de depredadores terrestres como o xabaril ou o raposo. Unha vez que os exemplares de mazarico real se asentan neste espazo -único da Península Ibérica que acolle poboación nidificante desta especie- faise un seguimento en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para localizar os niños e protéxense con pastor eléctrico para evitar ataques da fauna silvestre.
A continuación os técnicos realizan un seguimento da posta e, en canto se produce a eclosión, recollen os polos e críanse para a posterior devolución ao medio natural previa aclimatación nun aviario. Trátase dun proceso complexo que busca favorecer a reprodución da especie e incrementar a súa poboación.
Ángeles Vázquez puxo en valor que a Xunta está a desenvolver este tipo de actuacións co obxectivo de contribuír á preservación desta ave e fomentar na medida do posible a súa expansión pois os exemplares que visitan a comunidade desde 2023 limítanse a dúas parellas e un exemplar macho que perdeu a súa parella nese ano, dos que un xa chegou a Galicia.
A conselleira agradeceu tamén a colaboración da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común Granda Abilleira e Salgueiros, coa que o Executivo galego ten asinado un convenio relacionado coa protección desta especie dado que parte do seu monte é o hábitat no que se asenta o mazarico real.
Os exemplares desta ave adoitan chegar ás zonas de cría a finais de febreiro ou comezos de marzo, as postas teñen lugar habitualmente en maio e as crías nacen en xuño. A estancia das parellas na área de reprodución conclúe en xullo.
Aproveitando a visita, a conselleira mantivo un encontro co alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, para analizar distintas cuestións de interese para o municipio relacionadas coa mellora dos servizos de saneamento e de abastecemento de auga. Entre elas estivo a posibilidade de realizar actuacións vencelladas co tratamento de auga potable no municipio, para o que Augas de Galicia e o Goberno local estudarán distintas alternativas.
Ángeles Vázquez salientou que a Xunta vai seguir apoiando aos municipios no exercicio das súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de auga co obxectivo de que ofrezan o mellor servizo posible ao conxunto da cidadanía.