Acruga homenaxea en Lugo a gandeiros e criadores pola súa contribución á raza Rubia Galega

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega rendeu homenaxe en Lugo a máis de vinte gandeiras e gandeiros que se xubilaron este ano, así como a outros criadores que levan décadas contribuíndo á mellora da raza, participando en poxas, feiras e certames que axudan a promocionar e expandir a rubia galega.
Así o destacou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen subliñou o compromiso dos homenaxeados “pola súa dedicación constante ao desenvolvemento dun dos nosos sectores máis relevantes”.
O rexedor puxo en valor o esforzo diario de todos os profesionais que traballan con esta raza autóctona, clave para a economía e identidade do municipio: “Fan moito pola mellora dun dos nosos sectores máis importantes na provincia e no noso municipio, como é o do vacún de carne, que é parte da nosa esencia e da nosa identidade”.
Miguel Fernández lembrou que Lugo conta con 35 explotacións de rubia galega, nas que se crían máis de 600 animais, o que representa un volume superior ao que se rexistra en conxunto nas demais comunidades autónomas, agás Galicia. “O peso do sector é máis que patente”, asegurou.
Antes da entrega de distincións aos gandeiros, o alcalde reafirmou o compromiso do Concello co rural, “unha parte importantísima e crucial do noso municipio, eminentemente agrogandeiro”.
Tamén quixo agradecer a Acruga o seu labor, tanto pola defensa da rubia galega como por levar o nome de Lugo por numerosos países e facer que “o noso municipio estea unido de forma indisoluble a unha raza de gran prestixio e recoñecemento internacional”.