Acruga logra un prezo de 3,64 euros na poxa de xatas de Pedrafita

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega celebrou en Pedrafita do Cebreiro a súa terceira poxa do ano, despois das realizadas en Becerreá e Boimorto, con excelentes resultados, tanto de cotizacións como de asistencia, que permitiron lograr un prezo medio de 3.640 euros.
Poxáronse cinco xatas, todas preñadas menos unha, que se presentaba á poxa coa súa cría de menos pouco máis de 15 días. Partiron cun prezo de saída de 2.300 euros, salvo o lote da vaca parida coa súa cría, cuxa poxa comezou en 2.800 euros. O prezo subiu ata os 3.600 euros nesta poxa, mentres que os outros catro exemplares adxudicáronse en 3.300, 3.900, 3.300 e 4.100 euros.
Estes animais, procedentes do centro de recría da Granja Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, trasladaranse agora a ganderías de Baralla, Chantada, O Pino e Láncara. A unha explotación deste municipio irá parar a xata que alcanzou a maior cotización, subindo dos 2.300 euros aos 4.100 con que se pechou a poxa. Hai que ter en conta que na poxa de Pedrafita do pasado ano, que finalizou tamén cun bo balance, o prezo medio foi de 2.758 euros e a cotización máis alta foi de 3.150 euros.
Desde Acruga, o seu presidente, César Dorado mostrouse moi satisfeito polos resultados de hoxe, que "corroboran o bo traballo que se está facendo no centro de recría, en colaboración coa Deputación". Xunto a Dorado estiveron a seguir a poxa o propio alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo; o de Cervantes, Benigno Gómez, e o da Fonsagrada, Carlos López, en representación tamén do organismo provincial. Precisamente, este municipio da montaña lucense acollerá o próximo día 26 de abril unha nova poxa de xatas preñadas, na que se espera que continúen os bos resultados cos que Acruga está a comezar a tempada de poxas deste ano.