Acruga poxará en Pedrafita seis xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro
O recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro acollerá mañá venres unha nova poxa de xovencas preñadas, organizada por Acruga, en colaboración co propio Concello. Será a partir das doce da mañá cando os interesados en adquirir xatas preñadas de pura Raza Rubia Gallega poderán poxar por algún dos seis exemplares, todos eles procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. O prezo de saída será de 2.200 euros, e como incentivo á compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar.
Trátase de xatas de entre 24 e 27 meses de idade, e preñadas de entre catro e cinco meses, e aínda que a recría destes animais levouse a cabo no centro de Castro de Ribeiras de Lea, os animais foron adquiridos en explotacións de Samos, Becerreá, Láncara, Ribadeo e O Corgo. Os animais chegan con poucos meses para que, segundo explica a directora da Graxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, "acaden un nivel de desenvolvemento axeitado, conseguindo xovencas próximas ao parto cunhas características morfolóxicas e funcionais que permiten acadar exemplares cun maior potencial produtivo, co obxectivo de conseguir explotacións mais competitivas e viables".
Un dos aspectos que máis valoran os gandeiros e gandeiras que mercan exemplares nestas poxas é a xenealoxía dos animais, e neste sentido algunhas das xovencas da poxa de mañá son fillas de sementais moi recoñecidos e de gran calidade, como Paderne Ag e Gayoso Ag, entre outros, ou de Xacobe, un toro de monta natural.
Grazas a estes datos, os compradores poderán escoller e poxar por estes animais, dependendo de se precisan exemplares para cruce industrial, para recría de raza pura, con boa facilidade de parto, e con máis conformación cárnica, entre outras cualidades.
Desde 2005, Deputación e Acruga traballan conxuntamente para ofrecer femias de Raza Rubia Gallega de alto valor xenético, e dar resposta á demanda que existe nas explotacións galegas. Pero antes de proceder á poxa destes animais, hai un longo e coidado proceso de recría, nos que se presta especial atención a aspectos como "os relacionados coa saúde e o benestar dos animais, ademais dos criterios produtivos. Os exemplares están sometidos a determinados controis sanitarios de cara a reforzar o seu estatus sanitario e a bioseguridade da explotación. Coidase minuciosamente a alimentación co obxectivo de acadar un axeitado desenvolvemento musculo-esquelético e do sistema mamario das xovencas para producir animais ben conformados, que garantan o mantemento da xestación e a produción de crías viables", explican desde a Granxa Gayoso Castro.
Co respecto á alimentación dos animais que se recrían neste centro hai que destacar que é similar á que fan algúns gandeiros e gandeiras de Acruga con explotacións moi recoñecidas pola calidade das súas cabezas de gando. A directora da granxa explica ao respecto que "ofrecemos unha alimentación balanceada e controlada, baseada en forraxes producidos na propia explotación, para o que adicamos mais de 50 hectáreas á produción de forraxes, fundamentalmente ensilado de herba e millo, complementando a ración con concentrados. Ademais, algúns animais realizan pastoreo tamén na propia finca da que dispón a granxa". Este tipo de alimentación é un dos factores que permite obter animais ben conformados cun elevado potencial xenético e produtivo para incorporar ás explotacións de Raza Rubia Gallega.
Ademais, todas as reses que pasan polo centro de recría sométense a varias revisións orientadas non só ao control reprodutivo senón tamén á mellora xenética, en relación co crecemento da conformación corporal, o desenvolvemento musculo-esquelético, o rendemento cárnico, a facilidade de parto, ou o carácter maternal, que permite obter animais cun maior potencial xenético e produtivo. Todo iso, como sostén a directiva de Acruga, supón unha garantía para os gandeiros e gandeiras que mercan nestas subastas.
Todos os criadores interesados en adquirir algunha das xovencas na poxa de mañá, poderán retirar a súa tarxeta acreditativa a partir das once da mañá, no propio recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro.