Activa presenza de galegos na marcha contra as celulosas de Ence e Altri

A Plataforma Ulloa Viva celebrou onte, 1 de xuño, outra xornada histórica de mobilización cidadá, sumándose á Marcha Contra as Celulosas xunto coa Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Milleiros de persoas saíron á rúa para lanzar unha mensaxe clara e contundente: Galicia non quere máis celulosas.
A marcha saíu simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra para acabar encontrándose diante fábrica de celulosa de Ence. Alí procedeuse á lectura dun manifesto por parte de Inma Rodríguez (mariscadora da PDRA), Almudena Vidal (membro da Plataforma Ulloa Viva) e Antón Masa (presidente da APDR)
"Dende a Ulloa, expresamos o noso fondo agradecemento polo apoio recibido e a forza compartida neste día. A participación masiva da sociedade galega demostra que non estamos dispostas a permitir que se repita na Ulloa o desastre ambiental e social que leva décadas sufrindo a Ría de Pontevedra por mor da presenza de ENCE", explica o colectivo.
Revindican un modelo económico alternativo, baseado no respecto polo medio, en empregos limpos e sostibles, e na valorización dos nosos recursos naturais. "Nin ENCE na Ría, nin ALTRI no corazón da Ulloa. Non queremos que o río Ulla se converta nunha cloaca industrial. Querémolo como o que é: fonte de vida, riqueza e identidade".
A pretendida instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei, "promovida por ALTRI coa complicidade da Xunta de Galicia, é un atentado contra a vontade popular, contra o medio ambiente e contra o futuro das nosas comarcas. Sen consenso social, sen garantías ambientais e sen transparencia, esiximos que se rectifique esta decisión, porque aínda están a tempo de escoitar á cidadanía".
Desde a Plataforma Ulloa Viva reitera o seu compromiso: "seguiremos na rúa, nos tribunais e onde faga falta para deter este proxecto. Defendemos unha Galicia viva, digna e sustentábel. A marea de dignidade que hoxe percorreu as rúas demostra que o pobo galego está en pé".