Activan un plan especial de limpeza para o Día de Todos os Santos en Lugo

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, puxo en marcha esta semana un dispositivo especial de limpeza con motivo da celebración do Día de Todos os Santos, que terá lugar o vindeiro 1 de novembro.
O alcalde, Miguel Fernández, explicou que o operativo se prolongará durante 14 días e contará coa participación de 14 operarios e operarias e 12 vehículos especiais, co obxectivo de que “nestes días de tanta afluencia ao cemiterio municipal todo estea nas mellores condicións posibles”.
A empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, LuceLugo, coordina esta actuación, que abrangue tanto o interior do camposanto como a súa contorna. “Os traballos comezaron o luns e prolongaranse ata o día seguinte da festividade”, indicou Fernández, quen tamén salientou as tarefas que se están a realizar nos accesos e estradas próximas “para garantir a seguridade e o bo estado das vías que conducen ao cemiterio”.
O plan inclúe distintas fases de actuación. Nos días 20, 21, 22 e 23 de outubro realizáronse os traballos previos de roza na Estrada Vella de Santiago e nos arredores do cemiterio, empregando dous tractores con brazo rozador e catro operarios con rozadoras manuais e sopladores eléctricos. Ademais, os días 21 e 22 de outubro efectuouse a limpeza da entrada principal e da contorna máis próxima ao camposanto, a cargo de dúas traballadoras equipadas cun vehículo auxiliar eléctrico.
Tamén se levou a cabo un fregado con alta presión de vapor na entrada e no corredor central, mentres que os días 30 e 31 de outubro está previsto un baldeo xeral con máquinas hidro limpadoras e camións cisterna en todos os corredores, tanto da zona antiga como da nova.
Por último, entre o 27 de outubro e o 2 de novembro realizarase un servizo continuo de recollida de residuos, con dúas traballadoras e un vehículo eléctrico que se encargarán do baleirado das papeleiras e da súa descarga nun camión recolector.