Activistas propalestina atacan con botes de pintura as sedes do PSOE, PP e Vox en Lugo
Esta madrugada as sedes do PSOE, PP e Vox foron vandalizadas por activistas propalestina que empregaron botes de pintura e carteis. Os autores dos actos fixeron pública a súa actuación a través dun vídeo no que se pode ver como arroxan pintura e pegan carteis nas distintas sedes.
Os responsables emitiron un comunicado a través de Lugo por Plaestina no que culpabilizan ás tres formación políticas da “súa complicidade no xenocidio do pobo palestino”, así como de votar en contra ou absterse no Congreso dos Deputados ou no Parlamento Europeo para frear o comercio de armas con Israel e cortar as relacións diplomáticas e comerciais. “Non haberá paz sen Palestina libre!”, conclúen.
O secretario Xeral do PP, Javier Vázquez Nodal, anunciou que adoptarán todas as medidas ao seu alcance para dirimir quen está detrás destes feitos. Dende o PP condenan esta acción que pon no punto de mira a persoas con nome e apelido vinculadas ao Partido Popular sinalizándoas de ser cómplices dun xenocidio. Lamentan “a polarización e o odio ao PP que alentan determinados grupos políticos que se presentan diante da sociedade como moderados”.
Vázquez Nodal pide unha condena rotunda e sen tibieza ao BNG sobre estes feitos que son contrarios á democracia e van en contra da convivencia fomentando a crispación e xerando unha tensión innecesaria. Os populares manifestan que “máis violencia non é a mellor forma de pedir a paz no conflito entre Israel e Palestina”. Pola súa parte, o secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, manifestou o total rexeitamento e condena dos socialistas aos actos vandálicos. José Tomé considera lamentables e inxustificables estes feitos, e subliñou a postura que está a manter o PSOE e o Goberno de España en defensa do pobo palestino.
Neste sentido, lembrou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, condenou a matanza indiscriminada de civís palestinos inocentes en Gaza por parte de Israel e comprometeuse a que na presente lexislatura vai a propoñer ás Cortes Xerais o recoñecemento do Estado palestino por convicción moral, pero tamén como a única maneira de que Israel e Palestina poidan convivir e coexistir en paz e en seguridade.