Acto simbólico en Portomarín para defender a creación dunha tarifa eléctrica galega
O BNG desenvolveu en Portomarín unha acción simbólica no encoro de Belesar, na que participaron diferentes cargos políticos e militantes da organización das terras e comarcas de Lugo e de Lugo Sul, para defender a aplicación dunha tarifa eléctrica galega e o fin do espolio enerxético que sofre Galiza.
Nesta acción, a deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, sinalou que o BNG solicitará a creación dunha comisión de investigación no Parlamento sobre o “baleirado kamikaze dos encoros” Rodil declarou que “a actividade das eléctricas sobre os nosos encoros hai que poñerlle luz e taquígrafos para depurar responsabilidades, tanto empresariais como políticas”
Así mesmo, a deputada nacionalista apuntou que o BNG levará adiante unha proposta para mudar o marco eléctrico do Estado e fixar unha tarifa eléctrica galega, debido que “Galiza como grande produtora de enerxía ten dereito a decidir sobre o funcionamento dos seus recursos naturais e integralos a favor dos intereses das galegas e galegos” destacou Olalla Rodil.
Neste sentido, Olalla Rodil fixo fincapé nos diferentes impactos que produce a produción eléctrica en Galiza, como danos medioambientais e costes sociais, económicos e ecolóxicos, no que “o mínimo é que se poida compensar ás galegas e galegos e poñer eses recursos en favor do desenvolvemento do noso País”