Actúan no campo de rugby das Pedreiras, en Lugo
O Concello de Lugo continúa amosando o seu firme compromiso co tecido asociativo deportivo de Lugo mediante unha serie de intervencións e melloras en diversas instalacións municipais que se levan a cabo, precisamente, durante o verán aproveitando a ausencia de competicións. O concelleiro responsable de área, Jorge Bustos, destacou a importancia destas actuacións para a comunidade local.
“Estas intervencións reflicten o noso apoio continuo para tratar de fomentar a práctica deportiva na capital, garantindo que todas as instalacións municipais estean nas mellores condicións posibles para o seu uso", afirmou. Así, nos meses de xuño e xullo, completouse o encintado da plaqueta perimetral e o vaso na piscina das Pedreiras; ampliouse o valado e incrementouse a sinalización do recinto coas normas de uso na pista polideportiva descuberta de San Xoan (Montirón), mentres que na do Castiñeiro pecháronse os dous fondos alén de instalar outro cartel coas pautas de convivencia.
Por outra banda, no estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera dotouse dun peche antipánico á porta de acceso principal, co obxectivo aumentar a seguridade das e dos usuarios e, no campo de fútbol da Cheda, repuxéronse os elementos do letreiro exterior. Tamén para o mes de agosto e, alén da renovación do céspede prevista na Polvoreira, planificáronse outros traballos moi significativos de conservación como o mantemento anual do campo de rugby das Pedreiras, tratando de que a superficie de xogo estea nunha situación idónea para o desenvolvemento desta actividade.
O edil de Deportes subliñou que “trátase de atender as demandas que nos traslada a cidadanía e, ao mesmo tempo, que estes labores redunden nos estándares de calidade que ofrecen as dotacións municipais, sobre as que exercemos un seguimento exhaustivo, para acadar que Lugo sexa un concello excelente e referente para a práctica deportiva”.