Adai convértese en epicentro do billar nacional coa fase previa da Liga Española de Pool

O Club de Billar Adai foi un dos clubs seleccionados en toda a xeografía estatal para acoller a fase previa do I Campionato Nacional da Liga de Billar Pool, unha nova competición por equipos organizada pola Real Federación Española de Billar. Este novo formato reuniu na súa primeira edición, de maneira simultánea, seis sedes repartidas por diferentes puntos do país, cun total de 28 equipos e 232 xogadores inscritos, todos eles coa vista posta na loita polo título de campión de España.
As xornadas celebradas durante a fin de semana permitiron definir os oito equipos que lograron o pase á fase final, que se disputará os días 6 e 7 de xuño na cidade de Sevilla. Antes do inicio da competición en todas as sedes, gardouse un minuto de silencio en lembranza de Antonio Ortiz, expresidente da Real Federación Española de Billar, falecido o pasado 25 de decembro, nun xesto de respecto compartido por toda a familia do billar nacional.
No caso da fase clasificatoria celebrada en O Corgo, o equipo que conseguiu o pase á fase final como un dos oito mellores do campionato foi o Poolroom Lugo. Aínda que este resultado non lle garante por agora o título nacional nesta tempada, si confirma o seu ascenso á categoría División de Honor de cara á próxima campaña, un fito destacado para o billar lucense.