Adai convértese este sábado no epicentro da Raza Rubia Galega coa poxa e o concurso nacional

A parroquia de Adai prepárase para acoller este sábado a gran cita da Raza Rubia Galega coa celebración da edición 103 da poxa nacional, o trixésimo oitavo concurso de Rubia Galega e unha exposición dos mellores exemplares desta raza de carne.
O recinto feiral será o escenario no que poderán verse arredor de cen animais selectos procedentes de sete ganderías, seis delas de Lugo e unha de Pontevedra.
As 18 xovencas preñadas pertencen a explotacións lucenses situadas en concellos como Samos, Vilalba, A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Paradela, Láncara, Castroverde, Pol e Becerreá. Os oito machos, con idades entre 14 e 17 meses, proceden tanto da nave de testaxe de Acruga como de ganderías particulares de Lugo, O Páramo e Samos.
A poxa nacional será o prato forte do día, cunha selección de 20 xovencas e 8 toros de calidade e xenética contrastada, con prezos de saída de 2.300 euros para as xatas e 3.200 euros para os machos.
A partir das 12:30 comezará a poxa polos oito machos, catro pertencentes a Acruga e outros catro a gandeiros particulares, seguida da poxa das xatas preñadas, maioritariamente do centro de recría da granxa Gayoso Castro. Para incentivar as vendas, Caixa Rural ofrecerá axudas de 200 euros para as femias e 300 para os toros.
O presidente de Acruga, César Dorado, destacou que, aínda que será difícil igualar os récords do 2024, confían no aumento da demanda e na excelencia dos exemplares. Tamén sinalou a importancia da colaboración do Concello do Corgo e da Deputación de Lugo, especialmente a través do centro de recría da granxa Gayoso Castro, para criar gando de elite.
O concurso nacional reunirá uns 100 exemplares procedentes de seis ganderías lucenses e unha pontevedresa, que serán avaliados por un xurado especializado.
A entrega de premios terá lugar o sábado ás 12:00 horas, minutos antes do inicio da poxa, e desde as 10:00 horas, os asistentes poderán visitar a exposición e coñecer máis sobre esta raza emblemática para o sector agrogandeiro galego.