Adega alega contra o proxecto do paso soterrado baixo a N-VI en Lugo
A asociación ecoloxista Adega presentou ante o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), alegacións ao proxecto de ampliación do paso soterrado baixo a N-VI, redactado pola empresa Inca Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.L., e promovido polo Concello de Lugo, que se inclúe dentro da estratexia Da Muralla ao Miño Muramiñae.
O proxecto presentado e aprobado, define a estrutura necesaria para ampliar o paso baixo a N-VI e a pavimentación e iluminación dos seus camiños de acceso, "mantendo a mesma situación do curso fluvial, entubado baixo os camiños, canalizándoo no paso baixo a N-VI", explican.
Desde Adega din non entender "como un proxecto dentro dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integral non ten en conta a lexislación ambiental vixente, e trata o treito do curso fluvial como unha simple cuneta de formigón sen respectar o trazado natural do regato, os ecosistemas e a súa biodiversidade, nin a paisaxe".
A asociación ecoloxista reclama ao goberno local o "necesario grao de conciencia ambiental", de xeito que calquera presente e futuro proxecto incidente na rede fluvial municipal, promovido ou que teña que informar o Concello de Lugo, "se ateña á normativa vixente e se aproveite para poñer en valor, dende o punto de vista ambiental e paisaxístico, os treitos fluviais afectados, para o que reclamamos tamén que se dote aos correspondentes servizos técnicos municipais da capacitación e sensibilidade ambiental necesarias, e reconsidere a categoría moral das empresas coas que asina contratos e ás que lles cede a xestión dos nosos recursos naturais".