ADEGA celebra en Lugo medio século de loita ecoloxista cun festival aberto á cidadanía

Lugo acolle a celebración do festival 'ADEGA, 50 anos coidando a Terra', unha xornada que conmemora o medio século de vida da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.
A festa, pensada para toda a cidadanía, está a ter lugar no Pazo de Feiras e Congresos e no parque do río Miño, onde se suceden actividades musicais, feira de produtos ecolóxicos e de colectivos sociais, mesas redondas e propostas para todos os públicos, culminando cun concerto do grupo Loita Amada ás 23:30 horas.
O acto de apertura celebrouse ás 11:30 horas coa intervención do secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, que estivo acompañado pola concelleira de Participación, Cristina López, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas. A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, sumouse na xornada de tarde. Representantes dunha ampla diversidade de colectivos ecoloxistas e sociais estiveron tamén presentes, como sinal de apoio ás loitas compartidas con ADEGA ao longo destas cinco décadas.
Pallín fixo un percorrido polas batallas emblemáticas da asociación, desde As Encrobas, a catástrofe do Prestige e a loita contra a Foxa Atlántica, ata os conflitos ambientais actuais como os proxectos de Altri e a mina de Touro-O Pino. “Seguiremos loitando sempre. Sentímonos tremendamente orgullosas de celebrar 50 anos na defensa da terra, e han de ser moitos máis. Non sobran motivos para seguir na loita ecoloxista. Hoxe é día de reflexión e, sobre todo, de celebración”, sinalou.
A programación inclúe actuacións musicais durante toda a xornada, entre elas as de Uxía Lambona e a Banda Molona, Caivanca, Catro nun zoco ou Filophóbicas, ademais dun espazo adicado á reflexión con mesas redondas e a estrea do documental A terra por gañar, que percorre a historia de ADEGA. Tamén está aberta ao público unha feira con máis de 30 postos de produtos ecolóxicos, artesanía e asociacións.
Os máis pequenos poden gozar de xogos tradicionais organizados por XOTRAMU, mentres que no parque do río Miño celébrase un encontro solar para amosar as posibilidades da cociña solar como alternativa sustentable. O evento conta co apoio da Deputación e do Concello de Lugo, e busca compartir cunha ampla comunidade o legado dunha loita que leva medio século defendendo unha Galiza máis xusta e sostible.