Adega celebra o día Das Reservas da Biosfera cunha actividade nunha charca de Friol

Con motivo do Día das Reservas da Biosfera, que se conmemora hoxe, 3 de novembro, Adega realizará o vindeiro xoves 6 de novembro unha xornada de mantemento e acondicionamento na charca de Rego Salgueiro, situada na parcela custodiada pola asociación ecoloxista no concello de Friol.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse enviando un correo a adegalugo@adega.gal, no que deberán indicar nome, apelidos, DNI e data de nacemento.
O proxecto “Charcas con Vida na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, no que se enmarca esta actividade, pretende difundir os valores das charcas e contribuír ao seu estudo e conservación, ao visibilizar as ameazas que afrontan e propoñer solucións fronte á súa desaparición e á perda da biodiversidade asociada.
Un dos obxectivos do proxecto é a creación dun inventario de charcas da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que a asociación ecoloxista comeza polos concellos de Friol e Pol. Para iso, estanse a recompilar datos a través da revisión cartográfica e das achegas da veciñanza.
A importancia de conservar as charcas
As charcas son pequenas masas de auga, permanentes ou temporais, de gran valor ambiental e elevada fraxilidade. Actúan como refuxios para unha enorme diversidade biolóxica, incluídas especies ameazadas, endémicas ou escasas, e prestan importantes servizos ecosistémicos: funcionan como reservorios de auga doce, captadores de CO₂ e sistemas naturais de depuración.
Porén, a súa superficie e número reducíronse drasticamente nas últimas décadas. A construción de infraestruturas, o abandono das prácticas agrarias tradicionais, a drenaxe de terras húmidas e a intensificación agrícola provocaron a desaparición de centos de charcas en todo o país. Outras ameazas destacadas son a introdución de especies exóticas invasoras, o uso indebido como vertedoiros e a regulación excesiva dos cursos fluviais, que impide a formación natural destes espazos.
Conservar e restaurar as charcas é, polo tanto, fundamental para manter a biodiversidade, o equilibrio ecolóxico e a saúde dos ecosistemas acuáticos.
Este proxecto desenvólvese ao abeiro da subvención dirixida a asociacións sen ánimo de lucro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, destinada ao desenvolvemento e posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico deste territorio na anualidade 2025, coa colaboración da Deputación de Lugo.