ADEGA celebra unha vitoria xudicial contra o parque eólico Chao do Marco en Becerreá

LugoXa
O TSXG, na súa Sala do Contencioso-Administrativo, considerou que existen indicios suficientes de risco de dano ambiental "irreparable" ou "de difícil reparación"
Adega-Chao-do-Marco-en-Becerreá
27 Apr 2025

A organización ecoloxista ADEGA logrou unha nova vitoria na defensa do medio ambiente tras a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de paralizar cautelarmente o parque eólico Chao do Marco, promovido por Enel Green Power no municipio de Becerreá.

Esta resolución afecta a un dos catro proxectos que forman parte do macroparque eólico de máis de 130 MW que a empresa pretende instalar nas montañas entre Baralla e Becerreá, o que representa un importante paso na loita legal contra este megaproxecto eólico nunha zona de alto valor ambiental.

O TSXG, na súa Sala do Contencioso-Administrativo, considerou que existen indicios suficientes de risco de dano ambiental "irreparable" ou "de difícil reparación", mesmo aplicando medidas correctoras, en hábitats prioritarios e especies protexidas. En consecuencia, o tribunal determinou que debe aplicarse o principio de precaución e de prevención segundo o dereito comunitario.

A paralización cautelar significa que, a pesar de que o parque conta coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galicia, as obras deste polígono industrial non poderán comezar ata que se dite unha sentenza sobre os recursos interpostos por ADEGA.

Un proxecto incompatible coa conservación ambiental

O parque eólico Chao do Marco, que inclúe 8 aeroxeradores de 200 metros de altura, está proxectado nunha zona de alta montaña da comarca dos Ancares, onde se atopan hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción, como o milano real, a tartaraña cincenta ou a gatafornela. Ademais, a zona afectada segue albergando varios núcleos de poboación que se dedican á agricultura e á gandería tradicional.

O tribunal recoñeceu que a zona da poligonal eólica se atopa nun área de máxima sensibilidade ambiental, segundo a Zonificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e preto de espazos protexidos como as ZEC Ancares-Courel, ZEPA Ancares e a Reserva da Biosfera Terras do Miño, fundamentais para a conectividade ecolóxica entre os Ancares e O Courel. Este proxecto, polo tanto, pon en risco a viabilidade ambiental destes espazos. Ademais, a zona afectada está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura de 2008 e atópase a poucos quilómetros da zona de recuperación do oso pardo.

A subestación prevista para o proxecto estaría ubicada sobre unha zona húmida, coñecida como "O Lago", en Becerreá, que non foi tida en conta na avaliación ambiental. Esta infraestrutura non só afectaría aos recursos hídricos, senón que impactaría en áreas de alto interese paisaxístico como Cruzul-Agüeira, A Marronda ou Os Ancares. Aínda que o TSXG, na súa resolución cautelar, non abordou a posible fragmentación dos catro parques eólicos proxectados pola mesma empresa, ADEGA advirte sobre os impactos acumulativos e sinérxicos destes proxectos, que formarían unha auténtica barreira para a avifauna.

Unha vitoria da loita cidadá

ADEGA celebra esta paralización cautelar como un paso máis na defensa dos Ancares, dos seus valores ambientais e das comunidades que habitan estas montañas fronte á depredación eólica. A organización destaca que esta vitoria xudicial non tería sido posible sen o apoio cidadán a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos, que permitiu financiar os custos das accións xurídicas emprendidas. ADEGA agradece especialmente á veciñanza da zona e á Sociedade Galega de Ornitoloxía polas súas contribucións á campaña.

A organización reitera o seu compromiso de seguir defendendo xuridicamente o territorio contra a invasión eólica e fai un chamamento a continuar apoiando a campaña de recadación. Ata a data, esta iniciativa permitiu que ADEGA recorrera nos tribunais máis dunha trintena de proxectos eólicos, a maioría dos cales foron paralizados cautelarmente.

⚙ Configurar cookies
0.1726188659668