ADEGA denuncia as obras no leito do río Rato por degradar as augas e ameazar o espiñento

ADEGA Lugo presentou unha denuncia ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) polas obras que se están a executar no leito do río Rato, tamén coñecido como río da Chanca, antes da súa confluencia co río Fervedoira.
A entidade ecoloxista alerta de que as actuacións están a provocar a seca do leito fluvial sen desvío previo das augas, mentres que o único aporte ao Fervedoira procede dun vertido de augas residuais, o que está a agravar a degradación da calidade das augas neste sistema fluvial.
Segundo explicou ADEGA, socias da organización comprobaron in situ que os traballos se realizan con maquinaria pesada directamente sobre o cauce, o que está a causar graves alteracións na morfoloxía e dinámica natural do río. Esta situación vulnera a normativa do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, que establece que todas as actuacións deben preservar a integridade do dominio público hidráulico e garantir a calidade e cantidade das augas.
O colectivo lembra que o estado actual do río Fervedoira está catalogado como “peor que bo” no Plan Hidrolóxico Miño-Sil, e que segundo o propio documento, debería acadar un “bo estado” antes do ano 2027. Porén, o emprego de maquinaria pesada e a ausencia de desvío da lámina de auga están a secar o cauce, mentres o único fluxo que chega ao Fervedoira provén dun vertido continuo e sen diluír, xa afectado pola proliferación de lentella de auga.
ADEGA tamén advirte de que estas intervencións poñen en risco directo as poboacións de espiñento (Gasterosteus aculeatus), unha especie catalogada como vulnerábel no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O deterioro do seu hábitat, unido á contaminación e á presenza de especies invasoras, está a comprometer a súa supervivencia nesta zona.
Por todo isto, a organización ecoloxista solicitou á Confederación Hidrográfica a paralización inmediata das obras e información detallada sobre as medidas preventivas aplicadas para evitar o deterioro da calidade das augas e do ecosistema fluvial, así como sobre as accións destinadas a protexer o ciclo de vida do espiñento.