Adega denuncia as obras realizadas no Castro da Eirexe de Castroverde

LugoXa
As asociacións Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia formal perante a Consellería de Cultura pola intervención nunha parcela integrante dun ben patrimonial catalogado, sen contar posiblemente coa preceptiva autorización previa de Patrimonio.
castro da eirexe
18 Sep 2023

As asociacións Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia formal perante a Consellería de Cultura pola intervención nunha parcela integrante dun ben patrimonial catalogado, sen contar posiblemente coa preceptiva autorización previa de Patrimonio. Esta intervención foi levada a cabo polo Concello de Castroverde que realizou labores de recheo, posiblemente de forma ilegal, na parcela 27011A15800411 do Castro da Eirexe.

O Castro da Eirexe GA27011073 (San Miguel do Páramo, Castroverde, Lugo) é un ben patrimonial de gran relevancia que está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. A delimitación deste xacemento, xunto coa súa contorna de protección e máis os niveis de protección, están recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde.

Sobre este castro atópanse a igrexa parroquial de San Miguel do Páramo maila casa reitoral, "que foi obxecto dunha polémica e, ao noso entender, desafortunada consolidación realizada por un obradoiro de emprego. No transcurso dos traballos de consolidación, descubriuse unha importante necrópole medieval con máis de vinte tumbas altomedievais".

Explican que a parcela con referencia catastral 27011A15800411 está situada dentro da delimitación que o PXOM de Castroverde establece como zona de protección integral de Grao II para este xacemento arqueolóxico. Esta parcela, que antigamente foi a horta do cura, dividíase en dúas partes, unha para hortalizas na parte alta e outra para patacas na parte baixa. Entre ambas partes existía un claro desnivel co terreo irregular e en pendente.

Dende o mes de maio de 2023, membros de Adega documentaron numerosos amoreamentos de entullos e refugallos na parcela 27011A15800411, procedentes da demolición parcial da casa reitoral. A finais de agosto e comezos de setembro de 2023, estes materiais, xunto cunha importante cantidade de zahorras, foron utilizados para realizar o recheo da parcela co obxectivo de nivelar e unificar as dúas partes da horta do cura.

"É importante sinalar que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde clasifica estas áreas como Solo Rúsco de Protección de Patrimonio con protección integral de Grao II, nas que prohibe expresamente os recheos e movementos de terras. Polo que o Concello de Castroverde estaría incumprindo as súas propias ordenanzas municipais", din.

Por outra banda, a Lei do patrimonio cultural de Galicia establece que a realización de calquera intervención nun ben patrimonial catalogado, como é o caso desta parcela, ten que ter autorización previa da Consellería de Cultura.

"No suposto de que a Consellería de Cultura non teña autorizado estas obras de recheo, achaiado e transformación da morfoloxía do Castro da Eirexe, o Concello de Castroverde estaría incorrendo nunha infracción grave, segundo recolle a Lei do patrimonio cultural de Galicia", conclúen.

Adega e a Asociación Mariña Patrimonio, a través da súa denuncia, solicitan que se comprobe se os feitos denunciados son conformes á legalidade vixente. En caso contrario, que se adopten as medidas necesarias para retirar o recheo ilegal, se repoña o terreo ao seu estado anterior e se abra o correspondente expediente sancionador.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18584299087524