Adega denuncia que continúa a ocupación ilegal con eucalipto
No que entra en vigor o novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040, Adega dá conta dos primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais, que intensificou desde o pasado mes de abril, "tras a vaga eucaliptizadora provocada pola moratoria anunciada pola da Xunta de Galiza para as novas plantacións de eucaliptos". Como indican, "malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario".
Neste senso, Adega fixo un chamamento á cidadanía galega o pasado mes de abril para que trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora. A campaña tamén se fixo circular a través das redes sociais e dos medios de comunicación convencionais para tentar poñer freo ás plantacións de eucaliptos e cortas a feito prohibidas pola lexislación vixente de masas de árbores autóctonas, e que a todas vistas están a proliferar no noso territorio, de forma especialmente alarmante tras o anuncio a finais do pasado mes de marzo da moratoria ao eucalipto.
Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña na que Adega poñía a disposición das persoas un formulario en liña (http://bit.ly/
Durante este tempo, ADEGA xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio.
Substitución de bosque por eucaliptal: o 60% dos casos denunciados
Máis da metade dos avisos de infracción chegados a Adega durante este período foron recibidos no mes de abril, inmediatamente despois do anuncio da moratoria por parte da Xunta ás novas plantacións de eucalipto. Este feito demostra que o anuncio da moratoria, acompañado da ausencia de vixilancia e control por parte das autoridades competentes, o único que fixo foi aumentar o problema.
Até a actualidade, e tendo en conta que aínda fican moitas denuncias por tramitar, Adega xa leva presentado diante da Xunta de Galiza máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta. Este feito vén a constatar a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra.
Así pois, explican que das parcelas denunciadas até hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras. A meirande parte delas, efectuadas en parcelas menores de 5 ha. Alén disto, un 15 % das plantacións afectan a algún curso de auga ou a zonas de dominio público hidráulico, e un 10%, a elementos do patrimonio cultural, polo que tamén foron denunciadas ante o organismo con competencia.
En canto ao ámbito territorial máis afectado, o 83 % das denuncias presentadas corresponden á provincia de Lugo, onde se incrementou especialmente a eliminación de bosque autóctono para a súa posterior eucaliptización, especialmente nos concellos lucenses de Baralla, A Fonsagrada, Antas de Ulla, Castroverde ou Palas de Rei.
A punta do iceberg das infraccións pro-eucalipto
A pesar da entrada en vigor da moratoria do eucalipto no pasado 2 de xullo, os avisos recibidos por Adega con información sobre eliminación de pastos e cultivos ou de bosque autóctono para a plantación de eucaliptos non deixaron de chegar, "e moito nos tememos que tampouco a entrada en vigor do novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara a neutralidade carbónica terá un efecto disuasorio contra as plantacións ilegais".
"Por outra banda, somos conscientes de que o número de avisos que nos chegan e de denuncias que ADEGA e outras organización rurais e ecoloxistas acaban presentando na Xunta por plantacións ilegais de eucalipto está moi lonxe de alcanzar o número de infraccións reais. Lamentablemente, o número de situacións fraudulentas é exponencialmente maior. Por iso, animamos a sociedade galega a seguir denunciando estas situacións ou a informar sobre as mesmas aos diferentes colectivos ecoloxistas para loitar entre todas pola defensa do medio ambiente e do noso rural para que estes feitos non queden impunes", din. O formulario de denuncia forestal pódese atopar na páxina web de Adega ou directamente na seguinte ligazón: http://bit.ly/denunciaforestal
E ante esta situación, demandámoslle especialmente á Xunta de Galiza que actúe oficio, demostrando con feitos a súa teórica vontade de frear a expansión do eucalipto, cumprindo escrupulosamente coa lei de montes, de biodiversidade e de patrimonio cultural, e coas súas funcións de control e vixilancia fronte a este tipo de infraccións.
Así mesmo, requirímoslle unha vez máis que cumpra coa lei de transparencia e de acceso á información pública e ambiental, pola que está obrigada a informar a Adega sobre o destino que obteñen todas e cada unha das denuncias presentadas. Neste senso, lembrámoslle que recentemente o TSXG dáballe a razón a Adega fonte a pretensión da Xunta de ocultar información relativa a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais.