ADEGA e asociacións veciñais reclaman na rúa a protección das beiras do río Rato en Lugo

LugoXa
Veciñas e ecoloxistas colocaron unha faixa reivindicativa contra a urbanización do bordo fluvial, que consideran unha ameaza para o patrimonio natural da cidade
rio-Rato-urbanizacion-vivendas
4 Jul 2025

Socias da asociación ecoloxista ADEGA, acompañadas de persoas pertencentes a diferentes asociacións veciñais do barrio de Paradai, despregaron unha faixa reivindicativa na rotonda das rúas Infanta Elena e Paradai co lema: 'As beiras dos ríos, espazos verdes. Non á urbanización das beiras do río Rato'.

A acción marca o inicio dunha campaña coa que as entidades promotoras pretenden visibilizar entre a veciñanza a importancia de conservar o contorno natural dos ríos Miño e Rato como pulmón verde da cidade.

Desde ADEGA salientan que Lugo ten aínda a oportunidade de artellar un parque perimetral natural ao redor da cidade, grazas ao seu sistema fluvial, cun alto valor paisaxístico, ambiental e lúdico, ademais dun papel clave na loita contra os efectos do cambio climático. Porén, advirten de que esta posibilidade está ameazada polas previsións do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que contempla a construción dun edificio de oito alturas nas beiras do río Rato, no barrio de Paradai.

As entidades impulsoras consideran esta urbanización como unha agresión innecesaria ao espazo natural e piden frear a tempo ese desenvolvemento urbano.

Neste sentido, lembran que contan co apoio público dos tres grupos municipais representados no Concello de Lugo, así como do alcalde Miguel Fernández Méndez e do goberno local, que nunha reunión celebrada o pasado 17 de xuño cos representantes de ADEGA, da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti e doutras entidades, expresaron o seu respaldo á protección da contorna fluvial.

Desde as asociacións veciñais e ecoloxistas, demandan agora firmeza neste compromiso e instan a que se traducise en medidas concretas para garantir que as beiras dos ríos Miño e Rato sigan sendo espazos verdes para toda a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.1797821521759