ADEGA inaugura en Lugo a súa exposición itinerante polos 50 anos de defensa ambiental

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia inaugurou, na Horta do Seminario de Lugo, a exposición itinerante '50 anos coidando a Terra', unha proposta que recolle a traxectoria da entidade na protección do territorio e do medio natural galego ao longo das últimas cinco décadas.
A mostra permanecerá neste espazo ata o próximo 2 de decembro, despois de pasar por concellos como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña e Ferrol, converténdose así na última oportunidade de visitala durante este ano 2025.
A exposición está estruturada en dezaseis paneis dispostos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das accións ecoloxistas máis significativas do país.
Mediante textos e imaxes propón un percorrido polos cincuenta anos de historia de ADEGA e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza, desde as verteduras contaminantes e a especulación urbanística ata os incendios forestais, a degradación dos ecosistemas e o impacto industrial sobre o territorio.
A mostra conta co apoio económico da Deputación da Coruña e busca celebrar o cincuentenario da organización, promover a educación ambiental e impulsar o compromiso da cidadanía, especialmente da mocidade, coa defensa da terra.
A INAUGURACIÓN
O acto inaugural estivo conducido pola presidenta de ADEGA-Lugo, Curra Figueroa, quen agradeceu a presenza das persoas e colectivos asistentes, entre eles a asociación veciñal Vilalvite, Lugo Patrimonio, Lugo Monumental e a UNED Lugo; así como dos representantes do Concello de Lugo, o concelleiro de Xuventude e Urbanismo, Jorge Bustos, a concelleira de Participación, Cristina López, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas; e da Deputación de Lugo, Iria Castro, en nome da Vicepresidencia e da área de Medio Rural.
Figueroa evocou os primeiros pasos da organización ecoloxista e deu paso á intervención de Iria Castro, que subliñou que esta exposición resulta “moi clarificadora de todas as loitas nas que estivo ADEGA e de todo o que significa para a revalorización da nosa identidade”. Afirmou que invita a “sentirnos orgullosas e orgullosos do noso patrimonio cultural” e chamou a “coidalo e respectalo” fronte a unha visión “extractivista”. Destacou ademais o valor da mostra porque “sempre temos que ter un pé no pasado para lembrar o que fomos, e un pé no futuro para demostrar ás seguintes xeracións que hai un porvir esperanzador e moito país que defender”.
Jorge Bustos felicitou a ADEGA polos seus cincuenta anos e subliñou que “nun momento no que o negacionismo climático está cobrando cada vez máis protagonismo, temos que coñecer o noso pasado para non repetir erros; é unha labor de todos”. Reivindicou tamén a importancia de “sacar peito do noso patrimonio natural” e expresou o desexo de que a organización continúe outras cinco décadas defendendo o territorio, porque “a Galiza de dentro de 100 anos será a que estamos construíndo agora”.
O acto concluíu cun breve percorrido guiado pola exposición, conducido por Lucía A. Anido, da delegación de ADEGA-Lugo, acompañada de protagonistas dalgúns dos episodios relatados na mostra, como Suso Méndez, da asociación ConLupa, ou Daniel López Vispo, integrante de ADEGA, que lembraron a mobilización social que conseguiu frear a construción dun encoro na vila de Navia. Tamén se evocaron a loita histórica contra a central nuclear de Xove, a oposición á expansión eólica, a defensa dos ríos ante a presión urbanística e a protección da Mariña fronte a Alcoa.