Adega informará á veciñanza sobre a ampliación da subestación de Ludrio

LugoXa | TerraChaXa
Están convocados os afectados polos parques eólicos Cordal de Ousá, Xescabarex, Arno, Muracais, Baro, Vilamalafronser e as respectivas liñas de evacuación
subestacion-de-ludrio
8 Apr 2026

Adega Lugo convoca á veciñanza afectada polos parques eólicos Cordal de Ousá, Xescabarex, Arno, Muracais, Baro, Vilamalafronser e respectivas liñas de evacuación a unha reunión informativa para abordar o proxecto de construción dunha nova subestación eléctrica en Ludrio, propiedade de Naturgy, na que rematarían as liñas de evacuación dos parques citados hoxe en tramitación.

O encontro celebrarase o sábado 11 de abril, ás 16:30 horas, na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea, e contará coa participación de persoas afectadas directamente pola proximidade destas instalacións.

Segundo explica Adega, na contorna de Ludrio xa existe unha importante concentración de infraestruturas eléctricas, incluíndo unha subestación de Rede Eléctrica Española e varias liñas de alta tensión de 132 e 400 kV. O novo proxecto prevé a construción dunha subestación colectora adicional e a chegada de novas liñas vinculadas a máis dunha decena de parques eólicos, o que podería supoñer unha potencia total superior aos 600 MW.

Desde a organización ecoloxista advirten de que “estamos ante un novo exemplo de concentración masiva de infraestruturas enerxéticas no rural galego sen unha planificación adecuada nin unha avaliación global dos impactos acumulativos”.

“Queremos que a veciñanza coñeza en detalle que se está a proxectar en Ludrio, porque falamos de instalacións de grande impacto que se situarían moi preto de vivendas habitadas”, sinalan desde Adega e dende a veciñanza afectada.

A reunión informativa pretende ser, ademais, un espazo para a organización colectiva das persoas afectadas. “É fundamental que a veciñanza se informe, comparta inquedanzas e valore posibles accións conxuntas para defender os seus dereitos e o futuro do territorio”, subliñan.

Baixo o lema “Defendamos o rural”, Adega fai un chamamento á participación activa da cidadanía nesta convocatoria.

0.12560701370239