ADEGA inicia a vía para anular os permisos ambientais da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei

LugoXa
A reclamación baséase nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que obriga ás promotoras de instalacións contaminantes a declarar todas as substancias nocivas que puidesen emitir
adega-presenta-firmas-contra-altri
5 Jun 2025

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a asociación ecoloxista ADEGA vén de iniciar o procedemento administrativo para reclamar a anulación dos permisos ambientais concedidos ao proxecto da macrocelulosa de Greenfiber, filial de Altri, en Palas de Rei. Esta vía podería derivar nun novo recurso xudicial se a Xunta de Galicia non atende a petición.

ADEGA solicita a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), a desestimación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) e que Altri-Greenalia sexa obrigada a volver someter a exposición pública toda a documentación ambiental, incluído o estudo de impacto e a declaración de utilidade pública. A reclamación baséase nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que obriga ás promotoras de instalacións contaminantes a declarar todas as substancias nocivas que puidesen emitir.

A organización denuncia que Altri non informou da presenza de máis de dúas ducias de substancias contaminantes como CO2, monóxido de carbono, amoníaco, metano, mercurio, dioxinas ou compostos orgánicos volátiles. Na súa solicitude inicial, a empresa só mencionou catro contaminantes (PM10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e compostos reducidos de xofre), o que supón un incumprimento da lexislación vixente segundo o ditame europeo.

Tras recibir en 2024 un aviso de ADEGA, a Xunta non requiriu formalmente máis datos á empresa, pero en marzo de 2025 publicou unha DIA favorable na que impón límites a 25 substancias das que Altri non informara. Para ADEGA, iso evidencia que a administración recoñeceu implicitamente as súas advertencias, mais sen cumprir co deber de someter a documentación revisada a exposición pública.

A sentenza do TXUE deixa claro que non abonda con que as autoridades teñan en conta as emisións nocivas posibles, senón que é obriga da promotora incluílas expresamente na súa solicitude. Segundo ADEGA, en todo o expediente da AAI non aparece ningunha documentación complementaria de Altri que subsane esa omisión.

Ante esta situación, a entidade ecoloxista pon ao dispor da cidadanía un modelo de solicitude para que calquera galega ou galego poida reclamar perante a Xunta a nulidade da DIA. ADEGA busca así reforzar o apoio social contra o proxecto da macrocelulosa e continuar a súa loita por un modelo produtivo máis respectuoso co medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.19044494628906