Adega lanza unha campaña contra dous parques eólicos nos Ancares
Os parques eólicos Serra do Colmo e Serra de Piñeira contemplan 10 aeroxeradores sobre Baralla, Láncara e Becerreá.
A Asociación ecoloxista Adega suma tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra "o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galicia". Trátase, en concreto, dos parques eólicos Rodeira, en Vila de Cruces e Lalín; e Serra do Colmo e Serra de Piñeira sobre Baralla, Láncara e Becerreá. As autorizacións, aprobada pola D.X. de Planificación
Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia entre o pasado martes 13 e mércores 14.
Con estas tres novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 20 desafíos, correspondentes a 20 parques eólicos potencialmente recorribles. Para iso, Adega chama á colaboración cidadá para alcanzar os obxectivos de doazóns necesarios e poder así emprender accións xurídicas "fronte aos proxectos máis lesivos para o medio ambiente galego". Os desafíos correspondentes a Vilartoxo e Troitomil, na Barcala, son os que precisan agora mesmo dun maior empurrón para alcanzar o seu primeiro reto. Polo de agora, no pouco máis dun mes que a campaña leva publicada, xa supera os 42.000 euros en conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica impulsada pola Xunta e o Estado coa conivencia do oligopolio enerxético. Fragmentacións ilegais no Deza e nos Ancares.
No caso do parque eólico Serra do Colmo e Serra de Piñeira. Ambos os dous conforman un macroproxecto eólico nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá, canda ao P.E. Serra do Furco e Chao do Marco. Suman no seu conxunto 131 MW promovidos pola empresa Enel Green Power España S.L. En concreto, os proxectos Serra do Colmo e Serra de Piñeira presentan poligonais que limitan cos espazos da Rede Natura ZEC Ancares-Courel, ZEC Cruzul-Agüeira e ZEC A Marronda; e obstaculizan a conectividade ecolóxica entre Reservas da Biosfera ou sitúanse directamente enriba. Os muíños, moi próximos a vivendas, supoñen unha grave ameaza para o millafre real e outras aves vulnerables da zona.
Para poder contribuír aos novos desafíos #TPP dos Ancares, Adega acaba de facer públicas as dúas plataformas online de crowfunding.
https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradocolmo
https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradepinheira
Obxectivos de recadación
O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para estes tres desafíos é de 6.100 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde o venres 23 de xuño, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.000 euros, o que garantirá a presentación por parte de Adega do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.