ADEGA lanza unha campaña solidaria para frear o parque eólico Pena do Pico

A asociación ecoloxista ADEGA vén de poñer en marcha unha nova campaña de recadación solidaria baixo o lema #TiPodesParalos co obxectivo de recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) a autorización do parque eólico Pena do Pico, proxectado nos concellos de Baralla e Becerreá.
A organización precisa reunir 8.100 euros en fondos solidarios para facer fronte aos custos derivados da presentación dun recurso de alzada, dun contencioso-administrativo ante o TSXG, así como para a elaboración dun informe técnico ambiental e a solicitude de paralización cautelar das obras.
O parque está promovido por Greenalia e contempla a instalación de dous aeroxeradores de 180 metros de altura nunha zona catalogada como de “máxima sensibilidade” segundo a zonificación ambiental para renovables establecida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
ADEGA alerta de que o proxecto supón graves prexuízos para hábitats e especies protexidas, así como para o patrimonio cultural e paisaxístico dos Ancares. A entidade denuncia que, como acontece con moitas outras autorizacións da Xunta, existe unha fragmentación artificial entre o parque e a súa liña de evacuación, feita para minimizar os impactos ambientais no procedemento de avaliación, o que podería constituír unha fraude de lei. Ademais, Pena do Pico comparte infraestruturas con outros tres proxectos da mesma promotora: Levante, Restelo e Monteiro.
IMPACTO AMBIENTAL
O impacto ambiental do parque é especialmente preocupante. Parte do proxecto ocupa a zona tampón da Reserva da Biosfera “Terras do Miño” e a súa liña eléctrica atravesa outras dúas reservas, comprometendo a conectividade ecolóxica entre catro delas. Ademais, afecta o espazo natural proposto como LIC ES1120019 Miño-Neira e sitúase a escasa distancia de zonas incluídas na Rede Natura 2000 como Cruzul-Agüeira e Ancares-Courel. Esta situación supón, segundo ADEGA, un incumprimento das Estratexias de Biodiversidade e de Conectividade da UE.
No relativo á fauna e flora, o proxecto ignora a presenza de hábitats prioritarios como bosques aluviais de ameneiros e freixos, zonas subestépicas de gramíneas e queirogais húmidos atlánticos. Tamén representa un risco para especies en perigo de extinción como o millafre real, a aguia real ou o fento Lycopodiella inundata, así como para especies ameazadas como a tartaraña cincenta e a gatafornela. ADEGA denuncia que estes impactos non foron avaliados axeitadamente no Estudo de Impacto Ambiental.
A asociación subliña tamén os efectos negativos sobre o patrimonio cultural e paisaxístico. O parque afectaría a paisaxe montañosa dos Ancares, con aeroxeradores visíbeis desde máis de 30 km e situados a só 200 metros dunha área de especial interese paisaxístico. Estaría preto de núcleos habitados e dentro do territorio Starlight dos Ancares Lucenses, cuxa calidade do ceo nocturno se vería ameazada pola contaminación lumínica. Entre os bens culturais afectados, ADEGA cita o Mosteiro de Penamaior, a Ermida de San Lourenzo, Pena da Cruz e a vía Küning, esta última non contemplada no EIA.