ADEGA-Lugo e Ríos con Vida denuncian a falta de protección dos ríos no Concello de Lugo

LugoXa
Ambas organizacións esixen ao Concello de Lugo a adopción de medidas encamiñadas á mitigación dos seus efectos e á protección de todos os leitos fluviais
ADEGA-Lugo-e-Ríos-con-Vida-Lugo
13 Nov 2024

As asociacións ADEGA-Lugo e Ríos con Vida veñen de denunciar a falta de protección dos ríos no Concello de Lugo, "o que se traduce nun urbanismo alleo ao cambio climático e ás súas consecuencias".

Ambas organizacións esixen ao Concello de Lugo a adopción de medidas encamiñadas á mitigación dos seus efectos e á protección de todos os leitos fluviais e da zonas de inundabilidade.

ADEGA-Lugo e Ríos con Vida tomarán todas as accións legais e sociais posíbeis para impedir que se perpetúen políticas urbanísticas especulativas e que non protexen os recursos patrimoniais e ambientais como grandes aliados na actual crise climática.

"As políticas urbanísticas desenvoltas nos últimos anos polo Concello promoven a expansión urbana, o que crea novas bolsas de solo e destrúe espazos naturais en torno á cidade, sen que se tivese feito unha análise da realidade urbana", denuncian.

Cabe lembrar que segundo o censo do 2021 elaborado polo Instituto Nacional de Estatística, Lugo conta con 10.728 vivendas baleiras das 62.648 totais. É dicir, o 17,12% das vivendas no concello de Lugo están deshabitadas. ADEGA-Lugo e Ríos con Vida "esiximos outras solucións que non impliquen o consumo de solo. Entendemos que é primordial a rehabilitación e rexeneración dos barrios en decadencia e o desenvolvemento dos baleiros urbanos dentro da cidade", sosteñen.

Falta de protección dos ríos no PXOM

Xosé Manuel Fernández, en representación de ADEGA-Lugo, deu conta dos traballos realizados para determinar a cantidade de ríos e regatos que non figuran no PXOM de Lugo e que deben ser protexidos, ademais dos exemplos urbanísticos que afectan a cursos fluviais.

Entre eles, destaca o caso das Saamasas, a parcela proposta para a nova comisaría; o aparcadoiro da Avda. Breogán, o desenvolvemento do solo entre As Gándaras e Albeiros, o Sector S5I, a Cheda...

Ademais, Fernández denunciou "a pésima xestión que se está a realizar das augas residuais, o que provoca que cada vez que hai choivas fortes, remate unha gran cantidade de lixo no río Rato".

As limpezas realizadas por ADEGA xunto con outras entidades, como a UNED ou Coidemos Lugo no río "non son suficientes para frear a acumulación de toalliñas e outros produtos de hixiene no leito fluvial", explican.

Pola súa banda, Mark Atkinson, en representación da Asociación Ríos con Vida, desmentiu algúns dos bulos que están a repetirse desde o desastre acontecido en Valencia por mor da DINA. En concreto, con respecto ás presas, ríos e riadas. Deu conta do estado actual dos ríos, da importancia da vexetación autóctona de ribeira, e sinalou algunhas accións como a pesca sen morte, que poderían supoñer un aumento da supervivencia da fauna piscícola.

0.15717792510986