ADEGA-Lugo insta á protección urxente dos cursos fluviais tras as inundacións do 11 de abril

A delegación de ADEGA en Lugo reclama a protección, conservación e restauración de todos os cursos de auga do Concello, tras os efectos das intensas choivas do pasado 11 de abril, que provocaron inundacións en numerosos barrios da cidade.
Segundo a entidade ecoloxista, estas inundacións evidencian as consecuencias dun modelo urbanístico "alleo aos ríos", que promove a impermeabilización progresiva do territorio e ignora o papel fundamental dos cursos fluviais como sistemas naturais de drenaxe. ADEGA leva preto de dúas décadas alertando sobre esta situación, advertindo de que no contexto do cambio climático, fenómenos meteorolóxicos extremos coma o vivido recentemente serán cada vez máis habituais.
A organización sinala especialmente os danos sufridos polo río Rato e os seus afluentes, moitos dos cales foron tapados ou directamente eliminados para dar paso a estradas e construcións. "Cando se elimina un regato, convértese en riada", advirten. Neste sentido, ADEGA lamenta tamén a saturación da rede de saneamento, que provoca vertidos directos de augas residuais ao Rato sen tratamento, deixando as súas marxes ateigadas de residuos como toalliñas, compresas, plásticos ou condóns.
Os efectos das choivas non se limitaron ao Rato: ADEGA menciona tamén inundacións en barrios como A Garaballa, As Gándaras, Albeiros, Paradai, Fontiñas ou A Tolda, e alerta dunha combinación perigosa de infraestruturas obsoletas, falta de planificación ambiental, ausencia de conciencia cidadá e inacción administrativa.
A entidade ecoloxista advirte, ademais, sobre diversos proxectos urbanísticos que, ao seu xuízo, supoñen unha ameaza directa para os cursos de auga do municipio. Entre eles, cita:
-
A expansión dos polígonos do Ceao e As Gándaras sobre nacentes do Rato.
-
A creación dun "barrio multiecolóxico" nas proximidades do río Rato na Garaballa.
-
Novas dotacións en zonas de inundación en Albeiros e Paradai.
-
Edificios apegados ao río en Paradai e ampliacións viarias na zona inundable do Sagrado Corazón.
-
A instalación dunha gasolineira na área inundable do río Fervedoira.
-
Proxectos incluídos no PXOM que, segundo ADEGA, non recollen adecuadamente a cartografía dos cursos fluviais nin respectan as súas beiras.
-
A construción de infraestruturas como un aparcadoiro, unha comisaría e unha urbanización na zona da Abella, tamén en áreas de alto risco de inundación.
ADEGA pon como exemplo paradigmático o caso do colexio do barrio da Ponte, construído na zona de inundabilidade do río Miño, coas consecuencias recorrentes que isto conleva.
Dende a entidade ecoloxista afirman que emprenderán "todas as medidas legais e sociais necesarias" para garantir o respecto, conservación e recuperación dos ríos e regatos de Lugo e do resto do país. Ao seu xuízo, "só mediante unha planificación territorial que teña en conta os ecosistemas fluviais será posible mitigar os efectos do cambio climático e evitar que se repitan episodios como o vivido recentemente".