ADEGA Lugo insta ao Concello a elaborar un Plan de Xestión do Arborado Urbano

LugoXa
O obxectivo é asegurar unha adecuada preservación do patrimonio verde da cidade, diminuír riscos e mellorar a planificación das actuacións sobre as árbores
Parque-Rosalía-de-Castro-Lugo
30 Apr 2025

A delegación de ADEGA en Lugo vén de solicitar ao Concello a redacción dun Plan de Xestión do Arborado Urbano co obxectivo de asegurar unha adecuada preservación do patrimonio verde da cidade, diminuír riscos e mellorar a planificación das actuacións sobre as árbores.

A petición céntrase especialmente no parque Rosalía de Castro, un espazo emblemático situado no corazón de Lugo que, segundo a asociación ecoloxista, leva anos amosando sinais evidentes de desleixo e falta de coidado, tanto na súa masa vexetal como nas estruturas que o compoñen.

Nos últimos días, esta preocupación incrementouse tras a denuncia realizada pola Asociación de Veciñas do Parque Rosalía - Recatelo, que advertiu sobre talas excesivas no arborado do recinto. En resposta, o Concello de Lugo rexeitou estas acusacións e asegurou que unicamente se levaron a cabo tarefas de poda ordinaria e a retirada dunha árbore afectada polo temporal, que representaba un perigo para as persoas usuarias do parque.

ADEGA recalca que calquera intervención sobre o arborado urbano debería estar avalada por un Plan de Xestión específico, que permita coñecer o estado sanitario e vital das especies, fixar prioridades e orientar as actuacións baseándose en criterios técnicos obxectivos. Segundo a organización, a ausencia deste tipo de planificación pode provocar danos severos e irreversibles ao patrimonio natural da cidade.

A entidade ambiental lembra que moitas urbes xa contan con documentos deste tipo para preservar a saúde das árbores e evitar riscos sobre persoas ou bens materiais. Destacan como exemplos próximos os casos de Santiago de Compostela, que puxo en marcha o seu plan no ano 2021, e Vilagarcía de Arousa, que aprobou o seu en 2024 para os espazos verdes do municipio.

Por todo isto, ADEGA solicita formalmente ao Concello de Lugo a elaboración dun Plan de Xestión do Arborado Urbano que abranga toda a cidade, dando prioridade ao parque Rosalía de Castro, para garantir a súa conservación, seguridade e posta en valor como espazo natural e cultural de referencia.

⚙ Configurar cookies
0.17710995674133