ADEGA Lugo organiza un obradoiro para construír cociñas solares da man do experto Juan Bello

LugoXa
A actividade celebrarase este venres 30 de maio e permitirá ás persoas participantes fabricar a súa propia cociña solar con materiais reciclados
Juan-Bello-forno-solar-ADEGA
28 May 2025

A delegación de Lugo de ADEGA celebrará este venres, 30 de maio, un obradoiro práctico de cociñas solares, unha actividade que contará coa presenza do recoñecido especialista Juan Bello, profesor de Formación Profesional xa xubilado e gran coñecedor desta alternativa ecolóxica aos sistemas convencionais de cocción.

Durante a sesión, Bello compartirá a súa ampla experiencia cociñando coa enerxía do sol, sen recorrer a combustibles fósiles nin electricidade, e ofrecerá instrucións detalladas para construír unha cociña solar funcional.

O obradoiro desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas no local de ADEGA, situado na Ronda das Fontiñas 180, entresollado B, en Lugo. A proposta está deseñada para todas as idades e non require coñecementos previos. Con materiais cotiáns e de doado acceso, moitos dos cales normalmente acabarían no lixo, cada participante elaborará a súa propia cociña solar.

ADEGA convida tamén a todas as persoas que xa dispoñan de cociñas ou fornos solares a participar no Encontro Solar, que se celebrará o sábado 7 de xuño dentro do festival “ADEGA, 50 anos coidando a terra”, no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Este encontro será unha oportunidade para compartir experiencias, receitas e coñecementos nun ambiente festivo, onde se cociñará e se xantará en comunidade como parte dunha romaría solar.

Con esta iniciativa, ADEGA busca fomentar o uso das enerxías renovables, a autosuficiencia e o consumo responsable, poñendo en valor unha tecnoloxía tan sinxela como eficaz, ao alcance de calquera e totalmente respectuosa co planeta.

⚙ Configurar cookies
0.18544411659241