ADEGA Lugo organiza unha ruta para descubrir os tesouros naturais e culturais de Lugo e Castroverde

Este domingo, a delegación de Lugo de ADEGA organiza unha nova ruta este domingo, 16 de febreiro, que permitirá descubrir algúns dos tesouros agochados entre Lugo e Castroverde.
Os participantes poderán explorar abrigos naturais, o círculo lítico 'A Horta do Rei', diversas mámoas e formacións rochosas de gran interese, ademais de visitar o cemiterio e a Croa de Soutomerille. Ademais, a ruta ofrecerá impresionantes paisaxes ao longo do percorrido.
A ruta ten unha dificultade media-alta, cun percorrido de aproximadamente 18,5 km e un desnivel de 250 metros. O itinerario transcorrerá polas parroquias de Teixeiro e Labio, no concello de Lugo, e polas de Barredo, A Meda e Soutomerille, no de Castroverde.
Descrición da ruta
O percorrido comezará nos Lagos de Teixeiro cunha primeira parte en ascenso polo Monte Castelo, pasando polo Alto da Chousa e alcanzando a Pena do Castelo Vello. Este lugar garda a lembranza da presenza de guerreiros viquingos na Baixa Idade Media e conta cun miradoiro desde o que se poden contemplar amplas vistas panorámicas.
A ruta continuará cara ao Outeiro de Fompedriña para logo descender ata a Lagoa da Carballosa, unha das zonas núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Preto dela atópase a Pena da Ermida, que debido ao seu nome e á presenza dun antigo abrigo natural, podería ter servido de refuxio a un eremita hai varios séculos.
Os sendeiristas internaranse despois na Carballosa, un extenso bosque de carballos de máis de 70 hectáreas, que conta cun rico ecosistema de fentos, briófitos e outras especies vexetais de gran valor ambiental. Neste tramo poderanse observar diversos elementos naturais e culturais, como abrigos rochosos e o círculo lítico.
O percorrido seguirá pola crista da Serra de Outeiro Maior cara ao leste, pasando polo Monte da Medorra e por unha zona con varias mámoas e formacións rochosas de interese, como Tres Penas, Pena do Campanario, Penas de Gulfe, Pena da Sarna, O Pico, Pena da Ruza, Pena Branca e O Castriño. Durante esta parte da andaina, abordarase o impacto do proxecto eólico que ameaza estes montes.
Máis adiante, o grupo descenderá ata a aldea de Santo André de Barredo e continuará cara ao sueste por unha zona de terreo chairo ata alcanzar o Río da Baranca. Despois de cruzar este curso fluvial, visitarase o Cemiterio de Soutomerille, considerado un dos máis pequenos de Galicia. A uns 250 metros atópase a Casa-Torre de Arriba, antiga residencia dos señores que dominaron estas terras hai séculos.
A ruta continuará cun ascenso ata a Croa de Soutomerille, facendo unha parada nas formacións rochosas de Os Asentos dos Mouros, antes de regresar á Casa-Torre de Arriba a través do bosque que rodea a croa.
Seguindo cara ao oeste, os sendeiristas atoparán a Igrexa de Soutomerille, unha pequena capela que conserva restos dunha construción visigótica ou mozárabe. Ao seu carón, poderanse ver os restos da Casa-Torre de Abaixo.
A travesía finalizará a uns 700 metros ao oeste deste punto, nas proximidades da Areeira da Pallota, unha antiga zona de extracción mineira que foi restaurada ambientalmente nos últimos anos.
Esta ruta representa unha oportunidade única para gozar da natureza e do patrimonio histórico de Lugo e Castroverde, ofrecendo unha experiencia enriquecedora tanto a nivel paisaxístico como cultural.