ADEGA Lugo organiza unha ruta polo val do río Ser este domingo 27 de abril

LugoXa
O inicio da camiñada aproveitará parte da sinalizada ruta do Val do Gato, impulsado pola propia veciñanza
Os-Ancares
22 Apr 2025

A delegación de Lugo da asociación ecoloxista ADEGA organiza este domingo, 27 de abril, unha ruta pola espectacular paisaxe do val do río Ser, no concello de Cervantes. A andaina, de dificultade media-alta e con preto de 18 quilómetros de percorrido, discorrerá entre as parroquias de Vilaquinte e Donís, no corazón dos Ancares lucenses.

O grupo partirá dende o lugar da Prida (parroquia de Vilaquinte), onde xa se poderán gozar das impresionantes vistas do espazo natural dos Ancares e os seus emblemáticos cumios. O inicio da camiñada aproveitará parte da sinalizada ruta do Val do Gato, impulsado pola propia veciñanza.

O itinerario levará ás persoas participantes a cruzar o río Ser ata o Souto de Chaovilarín, un enclave de gran valor natural e etnográfico, onde se poden observar castiñeiros centenarios, ouriceiras tradicionais e a fonte de Fontarón, coñecida polas súas augas ferruxinosas.

A ruta continuará cara aos Olmos, última aldea da parroquia de Vilaquinte, a través da Franxueira, unha zona escarpada atravesada por un antigo sendeiro de comunicación entre parroquias, hoxe en desuso pero cheo de lendas e historias. Neste tramo poderase desfrutar plenamente da vexetación de montaña e contemplar os picos máis emblemáticos dos Ancares como o Cuíña, Pena Longa, Mustallar ou Pico Lagos.

Tras pasar polos Olmos, a andaina seguirá cara á parroquia de Donís, pasando polas aldeas de Noudelo e Cabanaxaraz, dende onde se poderá ver o pintoresco lugar de Piornedo e outras aldeas da contorna. A ruta rematará ascendendo cara á Igrexa parroquial de Donís, recentemente rehabilitada e considerada unha das mellor conservadas da zona.

⚙ Configurar cookies
0.17587399482727