Adega Lugo renova a directiva na asamblea xeral
ADEGA Lugo vén de celebrar a súa Asemblea Xeral bianual, na que se renovou por unanimidade a directiva da delegación, aprobáronse os informes de contas e futuras liñas de traballo.
Dende a delegación "queremos agradecer a labor e dedicación de Montserrat Lombardía, a que ata agora foi a presidenta de ADEGA Lugo, que durante todos estes anos sempre estivo a disposición da asociación e do ecoloxismo".
Na Asemblea Xeral, aprobouse por unanimidade a renovación da Xunta Directiva, na que Adela Clorinda Figueroa Panisse será a presidenta, toma o cargo de vicepresidente Rubén Vidal, Esther Gómez Fórneas renova como secretaria, Xose Manuel Rodríguez Fernández como tesoureiro e como vogais Ana Mª Santamarina, Luz Susana Seoane e Lucía Anido.
Así mesmo, aprobáronse varias liñas de traballo: continuar co programa de roteiros, continuar na defensa dos corpos de auga e bosque de ribeira asociados en Lugo, loitar contra as agresións na xestión do lixo (vertedoiro do Carqueixo), loitar contra o desenvolvemento urbanístico depredador (Saamasas, Ronda Leste, Barrio Multiecolóxico, o desenvolvemento do Ceao ou da Cheda), protección dos elementos patrimoniais tanto culturais como naturais, participar nos grupos de traballo de ADEGA Nacional contra a eucaliptización e a vaga eólica, promover a participación cidadá, a xustiza ecolóxica, a restauración (sumándonos á Declaración da ONU, que declara a década 2021/30 como a década da restauración dos ecosistemas), o ecofeminismo e o decrecemento e o mantemento da colaboración con outros colectivos e asociacións, para favorecer as sinerxias.
Por outro lado, tamén se realizou unha revisión de todas as actividades desenvolvidas coma os roteiros, as actividades de divulgación e comunicación sobre a cultura e o medio ambiente, a participación en debates e a limpeza de diferentes espazos, entre outras.