Adega Lugo retoma as rutas cun percorrido polas fragas do Eume

LugoXa
A lonxitude será de 12 quilómetros e a dificultade media-baixa
fragas-do-eume
7 Xuño 2024

Adega Lugo retoma o vindeiro domingo 16 de xuño o programa de rutas 2023/24 “As motañas gardiás da nosa historia”, cun percorrido circular á sombra das fragas do Eume, no concello de Muras. A lonxitude será de 12 quilómetros e a dificultade media-baixa. O autobús deixa aos participantes na Área Recreativa da Veiga, ao pé do Eume no núcleo de Muras.

Subirán ao Burgo e meteranse nun camiño que transcorre paralelo ao río (río abaixo). Preto da aldea da Beira do Río subirán entre frondosas ata Carracedo para seguir cara á Aldea Etnográfica de Carelle Grande a través de camiños entre pasteiros. Dende aquí collen o camiño de volta cara ao Burgo e Muras, por unha ruta inicialmente de monte baixo e, despois, de novo, por unha frondosa fraga.

Para finalizar os participantes achegaranse pola beira do río dende a Área Recreativa da Veiga ata uns carballos de gran porte. O autobús sairá ás 9.00 horas dende Lugo, e estará de volta sobre ás 19.00 horas (o horario de regreso pode variar). As rutas están abertas á participación de público de todas as idades, aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou menores de 14 anos.  O prezo inclúe o autobús e seguro de accidentes e é de 22 euros, de 15 para socios, de 17 para estudantes ou parados e de 6 para os nenos e nenas de ata 14 anos.

0.15737986564636