Adega organiza en Friol unha xornada de voluntariado para recuperar a Poza do Rego Salgueiro
O vindeiro xoves 14 de decembro Adega organiza unha xornada de voluntariado ambiental para a recuperación dunha poza na finca Rego Salgueiro, na parroquia de Guldriz no concello de Friol.
A recuperación de charcas e a creación doutras novas son actuacións que se veñen implantando con éxito en diferentes países de Europa ou América do Norte. De feito, algúns países europeos xa están a incluír estes ecosistemas nos seus plans de conservación. No Estado español varias comunidades (Andalucía, Valencia, Baleares…) elaboraron inventarios de pequenas zonas húmidas e actuacións para a súa recuperación ou construción. Recuperar e construír novas charcas é polo tanto un novo reto para a conservación da biodiversidade na Galiza.
A iniciativa enmarcase no proxecto de Adega: Patrimonio Rural, custodiando o noso legado máis singular, que financia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo dende a área de Medio Rural.
A actividade será en sesión de mañá con recepción ás 10.00 horas e comezo dos traballos media hora despois. Ao finalizar, logo de facer un descanso ás 12.00, haberá un xantar a partir das 14.30 horas.
No mediodía haberá uns petiscos e entregaráselle a cada participante o Manual Charcas con Vida - construción e recuperación de pequenas charcas, editado por Adega.
As persoas que queiran asistir as xornadas teñen que rexistrarse a través deste formulario antes do mércores 13 de decembro ás 14h. As prazas están limitadas a 15 participantes.